En vista de que hoxe temos exame de galego voulle adicar unha entrada a unha das mellores cantantes de música galega:Guadi Galego.
Esta entrevista é bastante antiga e o disco Nordestinas xa está na rúa dende hai meses.Eu teño os dous o de Nordestinas e Espido e se queredes unha opinión persoal é moito mellor o segundo.
Só guitarra e voz. Nada exótico se nos esquecemos de que Espido está formado por dous dos compoñentes do grupo folc Berrogüetto, Guadi Galego e Guillerme Fernández. Con moitos proxectos baixo o brazo, actuarán dentro dos ’Circuítos 4×4’, que intenta estabilizar a contratación de concertos nos concellos galegos.

Pregunta.-É un bo momento para a música galega?
Guadi Galego.-Creo que si. Estase dinamizando e o Circuíto 4×4 probablemente sexa un reflexo de que non todo ten que ser folk ao uso, senón que hai moitas maneiras de entender a música galega, con moitas influencias que cada un interpreta ao seu xeito, e fai que sexa máis persoal e máis universal, por outro lado.
P.-O seu proxecto en conxunto demostra iso, ¿non?
Guillerme Fernández.-E canción de autor cen por cen e reflicte esa inquedanza por escapar un pouco dese clixé co que parecía que toda a música galega era folk. Espido dá un paso máis adiante do que é o desenvolvemento normal na música galega.
P.-E unha aposta arriscada…
GG.-Adicarse á música xa é sempre un risco de por si, e máis neste país, onde non hai un mercado discográfico forte e ata agora tampouco estabamos moi apoiados. Pero creo que cando cres no que fas, é un risco relativo. Para nós Espido era case un regalo que nos fixemos, non tiñamos ningún tipo de ambición grande. Foi unha sorpresa, non pensamos que á xente lle fora gustar tanto.
P.-Poucos se atreveron coa canción de autor en Galicia…
GG.-Uxía fixera canción de autora, pero sempre tivo ese cheiriño a música popular tradicional. O punto que ten esta canción galega é que as influencias da música tradicional están dentro das nosas composicións simplemente porque saen.
P.-En Galicia parece que tivo boa acollida… ¿pero fóra?
GF.-Con Espido ocorre o que coa música galega en xeral: ten difusión en Galicia e certa difusión no estranxeiro, pero no resto do Estado atópase con barreiras infranqueables. Facer música en galego si que é un risco se intentas exportala ao resto do Estado.
P.-¿Por que?
GF.-E un tanto paradóxico: fálase do respecto ás culturas, pero ó facer música en galego temos a garantía de que non se nos vai pinchar en ningunha emisora de radio que non sexa galega ou Radio 3. Por parte dos programadores e dos públicos no estranxeiro si que atopamos máis curiosidade. En xaneiro marchamos a Glasgow para dar un concerto, no festival Celtic Connections, e a ver que pasa alí.
GG.-O máis peculiar é que a nosa música non é minoritaria polo noso estilo, senón pola nosa lingua.
P.-Para traballar, ¿mellor dous ou sete?
GG.-E diferente. A mín paréceme máis difícil tocar en grupo, a Guille non (risos). Hai que consensuar con máis xente, saber medir ata onde podes chegar, ceder en moitas cousas para que todo soe ben…
GF.-Sen embargo, o directo é máis difícil. Hai moita máis responsabilidade. Se a cagas entérase todo o mundo (risos).
P.-¿Espido foi unha arroutada ou terá continuación?
GF.-Estamos facendo cousas novas e temos idea de sacar outro álbum, non sabemos aínda cando nin temos moi claro o formato, se imos modificar algo… pero seguro que haberá un Espido II.
P.-E ademais diso, ¿a que andan?
GF.-Guadi está cun produto recén cociñado, Nordestin@s, que estara nas tendas polo dez de decembro, e eu estou empezando con Xabier Díaz a traballar nun segundo disco. Entre Espido, Nordetin@s e Berrogüeto, que acaba de sacar disco, polo menos un ano ímolo ter ocupado.
GF: “Estamos facendo cousas novas e temos idea de sacar outro álbum, non sabemos aínda cando nin temos moi claro o formato, se imos modificar algo… pero seguro que haberá un Espido II”.
P.-¿Nordestin@s é tan arriscado como Espido?
GG.-Chégalle ben. O máis atractivo do proxecto é a contemporaneización de melodías tradicionais mariñeiras do norte, esa fusión con música de tradición máis americana, como é o jazz…
GF.-E facelo sen que chirríe, como algo natural.
GG.-Creo que se debe a que Abe Rábade coñece ben o material.
P.-¿Aféctavos a piratería?
GF.-A nosa música non forma parte dese circuíto de piratería, e tampouco compra tanta xente discos galegos. Se a xente pasa copias privadas aos seus colegas, por mín perfecto se despois veñen aos concertos. O que perdes por un lado recupéralo por outro.
Este é un anaco dunha canción incluida neste disco.
Sei que o mundo ainda me debe destrezas pra namorarte,
Sei que o camiño que eu sigo non ten ramas pra taparte
que o respirar da marea non remata ata atoparte.
Eu a vin,ela me mirou
e na mau levaba unha flor.
Eu a vin,ela me miraba,
e na mau levaba unha espada.
Coqui,sí son Mati!!!!!!!!!!!
1 comentario:
Estou dacordo contigo...a min tamén me gusta máis "Espido"...e que en "Nordestinas" canta tamén Uxía Pedreira...que non me convence moito cantando este tipo de cancións...pégalle máis ben a festa...non sei.
A canción que máis me gusta é a de "Amar a mares"...
Tamén comparto a opinión de que Guadi é unha das mellores cantantes galegas...ten unha voz moi doce...
Gustoume esta entrada...non a esperaba...jeje.
Publicar un comentario